Do 13 ao 16 de outubro, o noso colexio súmase á celebración dos Erasmus Days 2026, unha iniciativa europea que busca dar visibilidade ao programa Erasmus+ e achegar á comunidade educativa as oportunidades, experiencias e valores que promove.

Este ano a celebración é especialmente significativa para nós, xa que marca o inicio da nosa andadura dentro do programa Erasmus+. Queremos que toda a comunidade educativa coñeza que é Erasmus+, que posibilidades ofrece e, sobre todo, que o alumnado comece a sentirse parte dun proxecto que nos conecta con outros centros, culturas e realidades de Europa.
Ao longo destes días desenvolveremos diferentes actividades adaptadas ás distintas etapas educativas. O centro encherase de materiais informativos e propostas relacionadas con Erasmus+ e Europa, a través das cales o alumnado poderá descubrir curiosidades, coñecer mellor o programa e achegarse aos valores europeos de cooperación, diversidade, inclusión e cidadanía.
Nas sesións de titoría, o alumnado participará tamén nun quiz Erasmus+, no que poderá poñer a proba os seus coñecementos sobre Europa e descubrir algunhas das oportunidades que ofrece o programa.
Ademais, sairemos á procura de alumnado e profesorado cunha pregunta moi especial: “Que sabes sobre Erasmus+?”. As súas respostas formarán parte dun pequeno vídeo no que descubriremos canto sabemos —e canto aprendemos— sobre este programa. O resultado compartirase nas redes sociais do centro para facer visible a nosa participación nos Erasmus Days.
Con estas actividades queremos que Erasmus+ comece a formar parte da vida do noso colexio, espertando a curiosidade do alumnado por Europa, por outras culturas e por novas formas de aprender e compartir.
Este é só o comezo dunha nova etapa para o noso centro.
Abrímonos a Europa. Comeza a nosa aventura Erasmus+!





