Un curso máis, no Colexio Divina Pastora de Ourense sumámonos á Liga Pilabot, unha iniciativa da Xunta de Galicia que ten como obxectivo concienciar a comunidade educativa sobre a importancia de reciclar correctamente as pilas, os acumuladores e as baterías usadas.
A través desta campaña, o noso alumnado, xunto coas súas familias, terá a oportunidade de participar activamente nunha competición de recollida de pilas usadas, contribuíndo así ao coidado do medio ambiente e á construción duns hábitos máis sostibles.
As pilas son residuos que poden resultar especialmente contaminantes cando non se xestionan correctamente. Por iso, recollelas e depositalas nos lugares axeitados é unha pequena acción que pode ter un gran impacto no coidado do noso planeta.
En marcha coa Liga Pilabot!
Durante a campaña, animamos a todo o alumnado e ás familias do Divina Pastora a traer ao colexio as pilas usadas que teñan na casa para depositalas nos puntos de recollida habilitados.
Cada pila conta! ![]()
Con esta iniciativa queremos que o alumnado non só aprenda sobre a importancia da reciclaxe, senón que tamén se converta en protagonista do cambio, levando ás súas casas hábitos responsables e compartindo coa súa contorna a importancia de reducir, reutilizar e reciclar.
A Liga Pilabot ofrece ademais recursos e materiais educativos para traballar na aula a problemática dos residuos e promover actitudes positivas cara á protección do medio ambiente.
Desde o comezo do programa, no curso 2018-2019, xa se conseguiron recuperar preto de 292 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas grazas á participación dos centros educativos e á implicación do alumnado e das súas familias.
No Colexio Divina Pastora de Ourense queremos poñer o noso gran de area. Por iso, este curso volvemos dicir:
As pilas, ao seu sitio! Participa na Liga Pilabot! ![]()
![]()
Porque coidar o planeta tamén se aprende no colexio… e tamén na casa.



