Do 7 ao 9 de novembro, o equipo de titularidade da Fundación Educativa Franciscanas Ana Mogas, xunto cos directores dos nosos colexios, asistimos ao XVII Congreso de Escolas Católicas, celebrado en Madrid. Baixo o lema «Ser, estar, educar…con nome propio», este encontro reuniu a máis de 2000 representantes do sector educativo católico de toda España. O congreso centrouse en tres aspectos clave da misión educativa: a identidade, a presenza activa e o compromiso no acompañamento dos alumnos e alumnas.
Durante tres días os participantes tivemos a oportunidade de escoitar relatorios de expertos, participar en mesas redondas e asistir a conferencias que abordaron temas como a innovación educativa, o papel da tecnoloxía na aprendizaxe e os desafíos actuais na educación. Cada intervención contribuíu a enriquecer a reflexión sobre o rol dos centros educativos na sociedade actual. De igual forma, apostou por unha educación que forme persoas en competencias e valores, promovendo o benestar integral do alumnado.
Respondendo aos tres verbos que daban título ao congreso, Pedro Huertas, secretario xeral de Escolas Católicas, definiu a razón de ser da existencia dos nosos colexios: “somos e estamos porque educamos. É a nosa misión e vocación, o noso modo de ser Iglesia”. Unha misión que non responde a motivos comerciais, senón a unha chamada para ser testemuño de transformación e de valores cristiáns na sociedade. Por tanto, -subliñou-, “a presenza de escola de ideario cristián non pode limitarse a unha función de garante da escolarización, ou a entenderse como oferta subsidiaria que dependa dos cambios políticos ou sociais, senón que promove a necesaria e rica pluralidade do sistema educativo, sustentada no dereito das familias para elixir o modelo de educación que reflicta os seus valores e respecte a diversidade”
Vivíronse moitos momentos de emoción, como a actuación de Diana Navarro, os momentos de oración e reflexión conxunta, a eucaristía do día 9, … Pero quizá o máis significativo, foi o momento para o recordo das vítimas da DANA, que puxo en pé ao auditorio e que mantivo un minuto de silencio pechado cunha gran ovación. A secretaria autonómica de Escolas Católicas Valencia, Vicenta Rodríguez, agradeceu todo o apoio e mostras de agarimo recibidas recoñecendo que “máis fortes que as ondas que arrastran canas e maleza, que arrastran coches e aveños, son as ondas de solidariedade”.
Desde a Fundación Educativa Franciscanas Ana Mogas, valoramos profundamente o espazo que Escolas Católicas creou para dialogar e compartir experiencias con outros centros e entidades. Este congreso permítenos renovar o noso compromiso cunha educación franciscana e cristiá que, ademais de impartir coñecementos, busca cultivar nos estudantes valores de paz, xustiza, solidariedade e respecto pola «casa común».
O equipo de titularidade e os directores asistentes regresamos deste encontro con ideas frescas e unha motivación renovada para seguir avanzando na misión educativa dos nosos centros. Conscientes dos desafíos e oportunidades que nos presenta o contexto actual, seguiremos traballando en equipo para mellorar cada día, ofrecendo unha educación de calidade poñendo sempre no centro á persoa.



